Ruta PR-G 147
O sendeiro é circular de 19km, de dificultade media debido ás continuas rampas de subida e baixada, aptas para calquera persoa.
Parte na ponte de madeira no Parque do Eume (a Fraga), río arriba pola marxe esquerda. Ós 600m podemos contemplar unha antiga planta de luz e un pouco maís arriba encontramos unha área de lecer (ribeira nova). Atravesaremos a presa da Ribeira para continuar pola marxe dereita do embalse, onde nos adentraremos nunha fraga atlántica con boas vistas e inmellorables paisaxes, para contemplar unha pequena cascada no rego dos Porcos. Despois dunhas fermosas vistas do embalse, chegaremos á zona denominada o Chao do Habanero, onde observaremos un perfecto meandro e unha bifurcación do embalse.
Na zona de Vilarbó, lugar de campamentos de verán, deíxase de lado o embalse para adentrarnos no corazón das fragas do Lostegal, onde debemos enfrentarnos a unha subida pronunciada, con firme en mal estado. (Chegando ó alto do lostegal atoparémonos unha posible variante da ruta, con marcas azuis no seu percorrido). Continuando o noso camiño chegamos ó lugar da Meda, o cal accederemos mediante un paso estreito construido para evitar a saída e entrada dos animais. Levaremos de compañeiro ó parque eólico durante 1’5km, o cal abandonaremos para comezar o descenso cara o pobo. Xa dende o alto da carballeira podemos contemplar unha fantástica vista do pobo, do lago e da industrialización que ten esta vila. Sendeiro abaixo, chegamos ó barrio da Cuiña, no cal indícanos que estamos a 400m do remate desta andadura, o Parque do Eume.